Nestas vacacións tiña pensado facer moitas cousas, dende estudar ate ordenar a miña habitación, pero tomeime as vacacións como vacacións, é dicir, non fixen nadiña :P. Pasei estas vacacións cos amigos.
Lembrome do nadal cando eu era pequeno. Esa ilusión que eu tiña por Papa Noel e os Reis Magos. Esas noites esperto, paseando da porta da miña habitación ate a miña cama esperando a que sexa hora de espertar para abrir os regalos. Non me acordo de en que ano foi, pero si me acordo como. Foi o ano en que mellor o pasei. Eu sempre escollía 4 cousas por Nadal (unha para Papa Noel e 3 para os Reis Magos) pero sempre me traian de máis, ese ano non ía ser especial. Na noite de Reis tardei en conciliar o sono pola ilusión e a iso das 7 ou así espertei pensando se xa chegarían os reis. Non me atrevía a abrir a porta, non vaia ser que aínda non chegaran, e por iso daba paseos pola miña habitación pensando que hora sería. Non aguantei coa emoción e abrin a porta... Levei tal sorpresa! Todo o sofa e a mesiña chea de agasallos e de larpeiradas, nunca vira tantos regalos, o corazón íame a mil. Fun correndo ate a habitación dos meus pais para espertalos, non podía comprender como estaban a durmir se sabían que hoxe chegaban os Reis.
Agora xa non hai tanta ilusión. Agora xa non pasas tanto tempo facendo a lista e pides pouquiñas cousas que se te ocorren a última hora, ou algo que levas pedindo todo o ano. Xa non espertas ás 7, espertas ás 3 con sorte. Este ano por Papa Noel regalaronme cartos (o típico), unha camisola do Rei Zentolo, e uns cascos para escoitar o mp3. Os Reis truxéronme dúas maletas (unha grande e outra pequena) con rodas, un adaptador Bluetooth USB para poder conectar o móbil co ordenador, cartos, unha colonia de Hugo Boss, un libro Hazañas del capitán Carpeto de Rafael Reig, unha braga (das de poñer no pescozo), unha carteira de coiro e unha pelota feita artesanalmente ao estilo Art Attack.
O que pedín este nadal foi a maleta, os cascos e o bluetooth. Trouxéronmo todo e máis. Paseino ben neste nadal pero non traballei nada e agora toca apurar :).
Que non se perda esa maxia. As tarxetas andan a mil e somos uns consumistas de merda pero para catro días que imos estar aquí, adiante.